Libro de visitas
ogalego@galicia.com

Mándenos a súa homenaxe a ogalego@galicia.com

Anxo do Incio.

Anxo, o amigo do Incio. Un nome que durante moitos anos nos encheu a boca de significado e o corazón de grandeza. A bondade, a confianza, a entrega en persoa. Unha referencia en toda a contorna do Incio e máis alá. Anxo representa con plenitude a comprensión, o agarimo, a lucidez, a inquedanza serena, o compromiso incesante, silandeiro e auténtico.

O recuncho entrañable de Anxo, a carón da Igrexa do Incio, foi sempre a porta aberta onde moitos corriamos a petar cando algo nos mancaba, cando estragos e abusos campaban polas nosas aldeas. Sen horarios, en permanente actitude de servizo, agardaba Anxo cheo de bo humor, co seu natural e doce sorriso. Sempre atento aos problemas que afectan á xente oprimida, á inxustiza dominante

Sen o apoio de Anxo non se lograrían loitas de transcendencia coma a levada na defensa das poboacións afectadas pola contaminación provocada polos fornos das Magnesitas de Rubián. Tempos nos que de xeito salvaxe se veu explotando a riqueza das nosas minas para beneficio de empresas foráneas a costa de grandes estragos ecolóxicos. O ousado incumprimento das normativas, cunha comenencia economicista, levou á falla de instalación dos filtros imprescindibles para mermar a forte saída do po altamente nocivo. Isto afectaba duramente ás parroquias do radio alcanzado pola polución desta industria. Compre situar a incidencia do dano nunha zona de moi boas praderías de regadío e productivas terras de cultivo.

Mediada a década dos setenta, naqueles tempos franquistas de sometemento caciquil e de medos aínda chegados da postguerra, era unha acción arrisca significarse na defensa dalgún dereito e moito máis erguerse cunha manifestación popular. No medio rural eran moi contadas as respostas valentes polo temor ás seguras represalias das forzas opresoras. A persoa de Anxo foi o aval preciso para que aquela mobilización fora posible. Cando os mediadores caciquís teimaban en frear todo intento de oposición xurde a veracidade, a claridade, a firmeza na que se pode apoiar a xente consciente e predisposta a defender o seu. Alguén, serio e xusto, ilustrado, con criterios fundamentados e compromiso co seu pobo, facía falla para callar estas forzas. Así se logrou unha manifestación histórica, sen precedentes, que chegou a provocar un corte de circulación na estrada N VI ao seu paso polo lugar de entre as serras de Rubián de Cima e Vilar de Mouros.

Non é posible referir cantas causas defendeu Anxo. Entre outros innumerables asuntos están as complexas xestións de clasificación de montes veciñais en man común, tema este no que tamén era un experto e tramitou cantidade de casos.

     Outra intensa lembranza que conservo de Anxo refírese a cando, polo ano 78, nos propuxemos organizar un acto co memorable grupo Fuxan os Ventos. Tratouse dunha extraordinaria iniciativa con proxección na zona que abrangue un amplo radio entre os concellos de O Incio e Bóveda. Celebrouse no lugar máis estratéxico, Rubián de Abaixo; cadrando ademais que alí contabamos coa xenerosa colaboración dos donos do salón de festas que nos facilitaron o local. Conseguimos ofrecer unha inesquecible actuación do Grupo Fuxan os Ventos para a celebración do Nadal con este acto pioneiro, Galicia canta ao Neno, creación do excepcional cura Xesús Mato, comprometido crego da montaña. Foi unha fermosa representación que compaxinaba a cultura popular e os cantos de Nadal dentro da nosa música tradicional, maiormente recollida e adaptada por este noso amigo Mato.

     Resultou ser este un evento de enorme éxito, naquela atmosfera de igrexa reaccionaria. Galicia canta ao Neno foi nun espectáculo que arrasou alí onde estivo; chegou a conectar co más fondo sentir do pobo galego, en véndose tan reflectido naquela expresión de lecer e ao mesmo tempo crítica coa realidade padecida no rural e co adoutrinamento alleante da igrexa oficial. Foi claramente un pronunciamento cristián que naqueles tempos chocaba co senso integrista da Igrexa establecida. Eran moi contados os curas que non se mantiñan á marxe desta obra de Xesús Mato .
O acto de Rubián acadou unha sorprendente cantidade de asistentes. Todo o público quedou abraiado diante daquela magnifica  novidade de música e mensaxe.
A implicación de Anxo na organización deste acto foi a tope coma todo o que el facía, con toda a alma e atraendo a xente co seu especial magnetismo.

Intento con esta modesta lembranza deixar unha miúda testemuña da transcendencia deste gran home e singular cura. Dende a miña sinxela memoria quérolle expresar todo o meu agradecemento pola oportunidade de medrar coa presenza dos seus valores.

Queda en min a pegada daquelas visitas ao Incio onde me atopaba cun dos poucos seres cos que a alma se estende. Aquela vivencia non morre, a súa presenza tampouco, pero no Incio quedou un baleiro difícil de superar.

Alicia López Pardo,
de Rubián de Cima -O Incio.

 

Eu que tive um convívio intenso com ele (concelhais os dous no Incio no 79, ele pelo PSOE e eu polo BNG -então BNPG- trabalhamos muito polo concelho) emociona-me ver as suas fotos. Temos estado em festas juntos, comidas na minha casa de Penaxubeira, na Ferraria do Incio, no próprio Incio...Em fim, e sempre estava com aquele sorriso debuxado no rosto como um cartão de identidade, como sua identidade, sempre a rir e a fazer felizes aos demais. É mágoa que não exista o céu porque se fosse assim, ele seria o presidente daquela república! Tolerante, democrata, culto, galego e galeguista... Em fim, tinha-me contado que se o "desterraram" do Incio ele deixava de ser cura...
 
Quando regresse ao Incio ignoro se poderei passar sem chorar por meu amigo ANXO... eu,  Moncho de Fidalgo de Penaxubeira, companheiro na criança do Daniel (morto), do "Angelito" do cura, do Toño do Pardo de Fruxil (Mora em Vigo), do Suso da Pedragosa (mora em Sárria), do António de Petres (mora em Penaxubeira)... e muitos outros...Do Santiago de aveledo (mora em Vigo), e que gostava da companhia da Pili do páramo (mora na Suiça),e que fum à escola com a Muruxa do Roxo (suicidou-se), com todos os citados e muitos mais!! Que tenho recibido aulas do cura D. José junto com todos os nenos/moços da paróquia da Cervela...Que tempos aqueles, parece que já passaram cem anos...

Na foto, Moncho de Fidalgo e o seu fillo na Santa Lucía da Cervela

Fotos do bautizo do fillo de Moncho, Brais: seu tío, sua irmá, Moncho e a muller Susana. Á dereita no Hospital con Moncho e Susana.

Cando me atopei esta web dedicada ao Anxo “o noso crego” con todas as fotos da historia do Incio e, polo tanto, tamén da miña historia, as emocións agromáronme de inmediato pois sentinme trasladada á miña nenez e evoquei os sentimentos que daquela eu tiña e os que me fixeron ser a persoa que hoxe son.
Eu fun unha nena criada no Incio, a Montse do Fidalgo, co gran privilexio de ter coma crego ao Anxo, xa que aínda que daquela ás nenas e nenos do Incio nos parecía o máis normal do mundo que na igrexa fixeramos teatro, baile, calquera tipo de reunións, ... logo co tempo e ver o que había polo resto do noso país, fun moi consciente de que iso só nos pasara a nós, e que era grazas a que Anxo estaba alí.
A fonda pegada do Anxo acompañoume en toda a miña traxectoria vital: a súa tolerancia e respecto, o amor pola cultura galega, a capacidade de rirse dun mesmo e cos demais, o amor pola nosa terra e sobre todo que puidésemos ter orgullo e “Auto-estima” de ser dun pobo de montaña que se supón illado e aburrido e que, en cambio, nos deu unha infancia feliz cunha chea de actividades que os nenos de cidade, no mellor dos casos, teñen só a base de pagar diñeiro e sen aquela espontaneidade.
A pena que teño é que os poucos nenos que hoxe viven no Incio non poidan gozar do mesmo xeito que nós o fixemos, posto que a perda de poboación é evidente e, ademais a eles fáltalles o Anxo.
Hai pouco escoitei que ninguén morre mentres alguén se lembre de ti: por iso, Anxo, creo que vas vivir moitos anos, pois no noso corazón sempre permanecerás.
E quixera facer súa a parte da lira que canta a Uxía:


 “ a morte a mim nao me mata
firme e constante sou eu
...
A morte a mim nao me mata
quem mata a morte sou eu”


E para finalizar esta escrita que quixera ser unha pequena homenaxe quixera darche as GRAZAS Anxo, desde ese recuncho no que nos estás sorrindo, por permitirnos soñar e crer na liberdade.

                                                                       Montse Valcárcel, profesora da USC. (24-1-2009)

Os coñecidos escritores lugueses Carme Blanco e Claudio Rodríquez Fer e asúa amiga Soledad Fox Maura visitaron o Hospital, e lembran que parolaron abondo con Anxo sobre a Nova York que os catro coñecían. Ao fondo os soutos de castiñeiros que rodean a igrexa.

Non tiven a oportunidade de compartir moitas experiencias con Anxo, tiñamos creo eu, unha amizade que nacía da coincidencia, do convencemento mutuo de que estabamos comprometidos coas mesmas cousas. Pódese dicir que non coincidimos nos espazos vitais onde se tecen irmandades que vencellan moitas veces por riba das ideas, pero eu sempre o considerei un exemplo de dignidade, solidariedade e bondade; e se tardabamos anos en vernos o noso encontro era unha confidencial conversa de entendidos e sobreentendidos coma se nos visemos todos os dias.
Anxo, para min, foi: un cura revolucionario, un activista político, un dinamizador sociocultural e moitas máis cousas que as necesidades sociais, non só das súas parroquias senón de todo o concello, requiría. Abocado moitas veces pola absoluta ausencia de políticas sociais e dinamizadoras dos gobernos conservadores que, agás no paréntese no que el mesmo foi concelleiro, houbo sempre no concello do Incio.
A súa coherencia de home galeguista e de esquerdas tivo que chocar, supoño eu, moitas veces con estruturas orgánicas nin tan galeguistas nin tan de esquerdas, sen embargo el era dos que Bertolt Brecht consideraba imprescindibles, loitou sempre.
Pero había algo en Anxo que soborda toda consideración intelectual, era o amor. O amor á Terra, en especial á do Incio, o amor á humanidade que tamén tiña destinatarios concretos nesta terra brava. O amor, único sentimento capaz de producir aquela risa entrecortada de emoción.
Lamento moitísimo non poder estar o día 31 no Hospital do Incio. Pero sumome á homenaxe colectiva e quero facer, con este escrito, unha humilde aportación. Anxo vivirá moitos anos nos recordos e pasará a formar parte da memoria do Incio. Oxalá que os xermolos da súa semente non sequen nunca!.

Paco Castro Alvaredo (Paco de Novelín)

Incio

A esquerda, almanaque editado no Incio coa foto dun Anxo moi novo e con sotana recén chegado ao Incio

Á dereita, a Asociación Os Fanagueiros de Eirexalba organiza anualmente un concurso literario en galego no que participan nenos, e entregan premios. No 2009 xa van pola edición número 24 e a máis publican unha revista cos traballos dos cativos, fotos do pobo. É moi bonito. Esta foto é dos inicios do concurso (anos -80). Cortesía de Laura Celeiro

eirexalba

 

Almanaque editado no Incio coa foto dun Anxo moi novo e con sotana recén chegado ao Incio

Alba Paz Framil, escritora e pintora, despois de mirar a páxina web. Foi en verdade un crego que esperta a fe e toca o corazón coa súa bonhomía modesta e alegre, axeitadamente incorporado ó entorno. Sinto que forma parte do entorno. Anque se foi a súa lembranza perdura viva entre os feligreses e familiares e servirá de guía ós camiñantes extraviados na néboa do egoísmo e do consumo. (10-2-09)

Aquí no bautizo do bisobriñio Miguel. Á dereita co sobriño Benigno e os seus amigos Domingos, Emilia, Beatriz e Xesús no 2002 (Fotos enviadas por María e Benigno)

E rematamos este libro cunha ilustración e uns versos do lugar preferido do Cura do Incio. Son de Luís Maquieira, Versos del agua. 2011, ISBN 978-84-935925-8.5 Introdución de Ánxel Fole e Ánxeles Penas. Fermoso libro de poemas en castelán e algún en galego con ilustracións. O autor é da familia da Casa Grande do Hospital, dos Quiroga.

maquieira

Nesta Carballesa bailada no Campo do Cárcere do Incio aparece o cura no final do vídeo (1987?):

 

Libro de visitas
ogalego@galicia.com