XIX Feira da carne ó caldeiro e produtos locais.

Castro de Carballedo. Domingo 7 de abril de 2019

Pregón de Anxo González Guerra


Vídeo de Bernardino Gonzalez:

 

Texto lido:

Miñas donas, meus señores de Castro, de Carballedo, de Chantada, xentes chegadas de tantos sitios, querido neto Aldán. San Lázaro, Ramos e en Pascuas estamos, hoxe é o San Lázaro e a festa da carne, é o día grande de Castro. Miren, de Castro é un dos meus primeiros recordos. Ós meus catro anos tróuxome o meu pai, o Xan de Baixo de Trasar, á feira e á hora de xantar foi ver aquel prato de pau con anacos dun bicho noxento e botarme a chorar (eu nunca vira diante o polbo). Non chores, oh, que che traio unha carne cocida. E desde ese día son fanático da carne ao caldeiro, éntrame mellor que o marisco, é o meu marisco de montaña. Miña nai facíaa moi rica e téñoa comido en moitos sitios, pero coma en Castro en ningún. Hai quen di que mellor na Gouxa, hai quen di que na Peroxa (onde hai sesenta anos di a tía Lina que había unha morea de becerros colgados), ou en Cambeo, mesmo no Remourelle de Ribadeo ou en Salvaterra de Miño. Comparen a xente que vai comela ás feiras a cada un deses sitios e xa teñen a verdade. Aquí en Castro cocen catro casas, dan de comer á xente da feira e ás ducias de coches que traen a pota e a levan para a casa e todo está cheo, se é sábado ou domingo rebordan e a carne non chega a nada. E todos marchan fartos como dicía o cura de Lobelle: gracias a Diós e ós nosos amos, tan cheos iles se deiten coma nós nos levantamos.

Programa

Cartel

Eu pediríalle ó regulador das feiras en Galicia que a Castro cómprelle unha terceira feira, que do 29 ao 17 case vai un mes, aí polo 7 ou o 8 collería unha feira máis e aposto unhas postas a que tamén estaría todo cheo. Porque a carne cocida aquí é única, compartida e personalizada. Cócese toda xunta e cada un come a súa, todo grazas ao sistema dos arames con número. Nin no famoso cocido de Lalín se come tan invidualizado. Aquí unha familia encarga a carne e ten o seu arame. Berra o carniceiro armado cun gancho curvo que lle serve para controlar a cocedura: a ver a carne do Juan Luis!, que, un supoñer,  é o 23, tira do aramio, saca a carne e engade e ponlle unha pouca molexa á María José! e logo todo o grupo comemos da mesma fonte. Si, amigos, cocida toda xunta e logo personalizada. Hai quen di que o do arame vén de cando nas feiras cada tratante levaba o seu anaco de carne atado cun cordel, metíao no caldeiro común e logo papaba o que levara. Pode ser ou non, pero o invento é xenial.

E logo ao rematar coa carne aínda vén o mellor, a cunca de barro chea de caldo ben quentiño. Iso é unha regalía. Pídolle aos empresarios de Castro que o comercialicen. Xa me imaxino un tetrabrik que poña caldo de carne de Castro. E en letra pequena Consúmase ben quentiño. Para facer sopas, para un caldo limpo, para un arroz... e non digamos se podemos esquecer o Avecrém cando se vendan as pastillas de Caldo de carne de Castro, para as que tamén se aproveitarían os ósos. Que esta carne e este caldo son un bálsamo, señores e señoras!!!. Hai uns anos que a miña muller Vitoria andaba moi mal do estómago e nada lle prestaba, viñemos a Castro comer a carne e aquela noite durmiu coma unha bendita. Así que a dieta de Castro é tamén unha dieta sá coma a famosa dieta mediterránea. E alimenta, que dicía miña mai: A carne carne cría e o peixe auga fría. E se a alguén non lle gusta a carne cocida sempre está a carne richada, outro manxar que tamén podería figurar no cartel Festa da carne ao caldeiro, da carne richada e produtos locais, pero tanta palabra non ía coller no cartel. Por que non unha festa da carne richada alá polo outono? En Forcarei xa teñen unha e a nosa non lle desmerece nada, seino ben que a probei nos dous sitios.

Cartel horas

Cartel con programa

Lembro tamén que na miña infancia a carne, así a secas, era a carne de porco salgada e logo afumada, era a carne que se comía nas casas a diario. Na festas de campo comíase carne fresca, a carne de becerro. Igual os ricos tamén comían carne fresca a diario, non o sei, o meu tío cura don Benigno o que comía a diario era pito, e chegou aos 105 anos, e gardaba o osiño fino do zanco no peto como escarvadentes ata o zanco seguinte. Se aínda lles preguntamos hoxe a maioría da xente desta zona diranos que a carne de becerro todos os días cansa, non senta, mellor o porco, sen comparación! O caso é que no San Pexerto e nas feiras, ademais dos caldeiros de polbo estaban os caldeiros da carne fresca cocida, mais de nenos diciamos e comiches a carne no San Miguel, ou comemos unhas postas de carne na feira, xa se entendía que era carne de becerro cocida nun caldeiro, de aí vén o de chamarlle carne ao caldeiro. Ademais da carne nos arames está a das postas ou racións, que tamén se dicía unha posta de vitela; o meu curmán Benigno conta que os seus vellos de Vilaguillulfe sempre lle chamaban vitela á carne de becerro, como os portugueses.

Asunción (organizadora), Vitoria e Anxo na Feira de 2019

Os de Cambeo aseguran que alí naceu o costume da vitela cocida, pero a min éme máis de fiar un escritor chantadino que asegura que a vitela ao caldeiro nace arredor da casa do Barrio do noso Cartelos, solar dos Temes. Pénsase que foi unha receita traída polos arrieiros maragatos leoneses (tamén se lle pode chamar carne maragata), eles serían os que a popularizaron e os frades de Oseira os que a impulsaron. Conseguiron que se convertese nun xantar non soamente de frades, senón tamén de feirantes, de arrieiros e de labradores nas feiras e nas festas. Vamos, que se os curas ou frades andan polo medio sempre ha ser cousa rica e farturenta. E falando de curas, aí ao lado temos a placa que lembra a don Nicanor Rielo, o cura do salto, el escribiu un libro hai corenta e tres anos que debía ser de lectura obrigada no concello, a Escolma de Carballedo, no que se recolle toda a tradición de noso. E escoiten as nomeadas dos pobos que el cita:
Manteigueiros os da Peroxa,
vaqueiros os de Castro,
alboreados de Santa Mariña,
famentos da Forraqueira,
manteiros os de Furco,
Cuartilleiros os de Esmoriz,

e gorras tortas de Seoane.
E tamén recolle:
Carballedo, terra de boas mozas, que en Buciños sonche roxas.

Nicanor Rielo

Placa en honor ao crego Nicanor Rielo

Volvendo á carne cocida por que é tan sabedeira?: a auga da fonte sen cloro, o unto castelán, o cocer moita xunta e de diferentes partes do animal coa gordura precisa, e máis ca nada a súa procedencia. En Castro é carne desta contorna de Carballedo, carne de moitos becerros pintos, non vale unha carne calquera. Por iso hoxe debían estar aquí falando a Marta e a Tita, o Pepe, O Xosé e o Xan, a miña familia dos Parentes que igual ata algún dos becerros que comeremos hoxe foi criado por eles. Mais eles dedícanse ao gando e non teñen tempo a palicar e eu como estou xubilado e ocioso por iso me prestei a dicirlles a vostedes estas palabras pregoeiras. Así que quero homenaxear hoxe e aquí ós Parentes i a toda a xente que mantén explotacións gandeiras na contorna, a pesar do baixo prezo do leite e dos becerros, elas e eles seguen con ilusión mantendo viva a natureza que nos legaron os devanceiros, aqueles a quen lles doía a alma cando vían un eido a ermo, sen traballar. Grazas por manteren tantas hectáreas cultivadas evitando que se enchan de silvas e toxos e sexan pasto fácil do lume como está pasando noutros sitios.
Grazas por criar estes becerros tan saborosos, sen estes gandeiros a festa da carne ao caldeiro non tería sentido nin habería nada que celebrar. Eles son unha vacina contra o desarraigo da xente nova que abandona a aldea, demostran que se pode xuntar tradición e modernidade innovando nas explotacións e mantendo as tradicións e eles son exemplo de que é posible vivir dignamente no rural, nas casas que herdamos dos pais e avós.

Caldeiro

Caldeiros cocendo a carne en 2019

Quero tamén felicitar á Asociación de Veciños Bubaíño pola organización da festa, que van xa dezanove desde o ano 2000, non é fácil conseguir a continuidade tantos anos, o traballo é moito, ademais é un traballo extra, hai que lle sacar horas ao descanso e ao sono da xente de Castro. Aquí participa todo o lugar, desinteresadamente, como ten que ser nun traballo comunitario. E todos llelo agradecemos porque o lugar merece esta festa tan multitudinaria. Que a Castro era a onde viña pasear a xente moza no tempo de meus pais, de paso que viñan á feira que era o centro comercial da zona. Arredor de Castro xiraba a vida política e cultural do concello. Andamos en tempo de eleccións e voulles pedir o voto para ... para quen a súa conciencia lles diga que é a persoa axeitada. Conta o meu tío Manolo de Trasar que no tempo da República cando foron votar os de Trasar, a maioría das esquerdas,  agardaron que chegara o médico de Castro, o Laxeiro, polo que chegaban tarde. Díxolles o médico atrasade tódolos reloxos unha hora e logo entramos alí en momentos distintos e poñémonos en sitios diferentes. Non os querían deixar votar porque pasara da hora, claro,  pero o Laxeiro empezou a preguntar aos de Trasar que hora tiñan e viuse que polos seus reloxos aínda estaban en tempo. E montouse unha boa. Pero, escoiten, chegaron ao acordo de repartiren os votos, metade para as dereitas (que daban viño e pan de cea aos seus) e metade para as esquerdas (que non daban nada). Así se facían as cousas daquelas. Neses anos o meu bisavó Arreiro de Trasar, fixo parar unha malla para que a xente viñese a un mitin a Castro, e tamén se armou follón e tivo que saír a un balcón o cura republicano D. Balbino Taín que berrou cóutense señores! e conseguiu que se calmasen. Conta meu tío que se non chega a ser o cura igual morría un home.

Caldeiro

Caldeiro de carne cos típicos arames numerados (Foto Bernardino González)

En Castro nacemos nos papeis moitas xeracións de xente de Carballedo, como aquí estaba o xulgado os pais asemade que viñan á feira asentaban os fillos como nacidos nos días anteriores.
E así sucede que en Carballedo moitísima xente naceu nos días 15/16 ou 27/28, vésperas de feira, entre eles eu mesmo que nacín un día 20 e fun asentado o 28. Se vén un alemán e fai un estudo, sabe deus que conclusión saca, igual pensa que son as meigas da Peneda Cabezuda de Milleirós. Así que xa ven que Castro foi para os meus antepasados o centro do mundo, do seu mundo. E hoxe Castro é para nós o centro mundial da carne ó caldeiro.
Teño que ser breve, que xa pasa das horas do xantar. O señor José da Ribeiriña, en paz estea, botou sesenta anos vindo a todas as feiras, só viña comer e falar... e ás doce xa se poñía á faena, e onde van xa as doce agora!, aínda que sexa pola hora nova, á que o Cesteiro da Aguada lle chamaba a tolísima? Sexamos coma o Ribeiriña e manteñamos a tradición, só vimos comer e falar, ahh, e supoño que serían previsores e teñen encargada a súa posta. Así que teño que ir rematando xa. Para min non hai nada máis grande que volver á terra onde nacín para falarlles aos veciños no día da festa, no día dos produtos da terra: ademais da carne, a leña é de Carballedo, a auga da fonte, o queixo, o marmelo, a empanada, o viño, a augardente, o licor café, o pan, todo de aquí, ademais do porco celta e as fabas de Lourenzá. Produtos de calidade e a un bo prezo. Todo iso nos espera no xantar, que lle poidamos berrar aos de Castro un dito que me ensinou o meu padriño, o cura do Incio: gracias a dios e a istes señores, as nosas barrigas parecen tambores ...

Fonte

Fonte de carne cocida para comer en grupo (Foto: Bernardino González)

Quero rematar cos versos de esperanza dun poeta labrego, o Emilio do Grande de Trasar, que escribía versos mentres gardaba as vacas: Detrás diste pobo hai un camiño, ó final dise camiño hai un soño.
Así que: viva a feira da carne ao caldeiro e  produtos locais! Que se manteña moitos anos e todos nós a vexamos!


Reportaxe da Canle Ribeira Sacra sobre a feira: