ogalego@galicia.com |
Mándenos a súa homenaxe a ogalego@galicia.com
Praza da Quintana, Santiago, 31 de xullo de 2020, actuación de Ortiga O seu sobriño neto Manuel (neto do irmán Manolo, fillo da Luz e o Elías) un mozo fachendoso dos seus devanceiros. Quixo honrar a figura do seu bistío poñendo a foto na pantalla da praza máis fermosa da cidade máis fermosa. Se o Anxo vivise e o escoitase había dicir a súa frase típica: oes que ben o fai iste carajo. Anxo do Incio. Anxo, o amigo do Incio. Un nome que durante moitos anos nos encheu a boca de significado e o corazón de grandeza. A bondade, a confianza, a entrega en persoa. Unha referencia en toda a contorna do Incio e máis alá. Anxo representa con plenitude a comprensión, o agarimo, a lucidez, a inquedanza serena, o compromiso incesante, silandeiro e auténtico. O recuncho entrañable de Anxo, a carón da Igrexa do Incio, foi sempre a porta aberta onde moitos corriamos a petar cando algo nos mancaba, cando estragos e abusos campaban polas nosas aldeas. Sen horarios, en permanente actitude de servizo, agardaba Anxo cheo de bo humor, co seu natural e doce sorriso. Sempre atento aos problemas que afectan á xente oprimida, á inxustiza dominante Sen o apoio de Anxo non se lograrían loitas de transcendencia coma a levada na defensa das poboacións afectadas pola contaminación provocada polos fornos das Magnesitas de Rubián. Tempos nos que de xeito salvaxe se veu explotando a riqueza das nosas minas para beneficio de empresas foráneas a costa de grandes estragos ecolóxicos. O ousado incumprimento das normativas, cunha comenencia economicista, levou á falla de instalación dos filtros imprescindibles para mermar a forte saída do po altamente nocivo. Isto afectaba duramente ás parroquias do radio alcanzado pola polución desta industria. Compre situar a incidencia do dano nunha zona de moi boas praderías de regadío e productivas terras de cultivo. Mediada a década dos setenta, naqueles tempos franquistas de sometemento caciquil e de medos aínda chegados da postguerra, era unha acción arrisca significarse na defensa dalgún dereito e moito máis erguerse cunha manifestación popular. No medio rural eran moi contadas as respostas valentes polo temor ás seguras represalias das forzas opresoras. A persoa de Anxo foi o aval preciso para que aquela mobilización fora posible. Cando os mediadores caciquís teimaban en frear todo intento de oposición xurde a veracidade, a claridade, a firmeza na que se pode apoiar a xente consciente e predisposta a defender o seu. Alguén, serio e xusto, ilustrado, con criterios fundamentados e compromiso co seu pobo, facía falla para callar estas forzas. Así se logrou unha manifestación histórica, sen precedentes, que chegou a provocar un corte de circulación na estrada N VI ao seu paso polo lugar de entre as serras de Rubián de Cima e Vilar de Mouros. Non é posible referir cantas causas defendeu Anxo. Entre outros innumerables asuntos están as complexas xestións de clasificación de montes veciñais en man común, tema este no que tamén era un experto e tramitou cantidade de casos. Outra intensa lembranza que conservo de Anxo refírese a cando, polo ano 78, nos propuxemos organizar un acto co memorable grupo Fuxan os Ventos. Tratouse dunha extraordinaria iniciativa con proxección na zona que abrangue un amplo radio entre os concellos de O Incio e Bóveda. Celebrouse no lugar máis estratéxico, Rubián de Abaixo; cadrando ademais que alí contabamos coa xenerosa colaboración dos donos do salón de festas que nos facilitaron o local. Conseguimos ofrecer unha inesquecible actuación do Grupo Fuxan os Ventos para a celebración do Nadal con este acto pioneiro, Galicia canta ao Neno, creación do excepcional cura Xesús Mato, comprometido crego da montaña. Foi unha fermosa representación que compaxinaba a cultura popular e os cantos de Nadal dentro da nosa música tradicional, maiormente recollida e adaptada por este noso amigo Mato. Resultou ser este un evento de enorme éxito, naquela atmosfera de igrexa reaccionaria. Galicia canta ao Neno foi nun espectáculo que arrasou alí onde estivo; chegou a conectar co más fondo sentir do pobo galego, en véndose tan reflectido naquela expresión de lecer e ao mesmo tempo crítica coa realidade padecida no rural e co adoutrinamento alleante da igrexa oficial. Foi claramente un pronunciamento cristián que naqueles tempos chocaba co senso integrista da Igrexa establecida. Eran moi contados os curas que non se mantiñan á marxe desta obra de Xesús Mato . Intento con esta modesta lembranza deixar unha miúda testemuña da transcendencia deste gran home e singular cura. Dende a miña sinxela memoria quérolle expresar todo o meu agradecemento pola oportunidade de medrar coa presenza dos seus valores. Queda en min a pegada daquelas visitas ao Incio onde me atopaba cun dos poucos seres cos que a alma se estende. Aquela vivencia non morre, a súa presenza tampouco, pero no Incio quedou un baleiro difícil de superar. Alicia López Pardo, |
Eu que tive um convívio intenso com ele (concelhais os dous no Incio no 79, ele pelo PSOE e eu polo BNG -então BNPG- trabalhamos muito polo concelho) emociona-me ver as suas fotos. Temos estado em festas juntos, comidas na minha casa de Penaxubeira, na Ferraria do Incio, no próprio Incio...Em fim, e sempre estava com aquele sorriso debuxado no rosto como um cartão de identidade, como sua identidade, sempre a rir e a fazer felizes aos demais. É mágoa que não exista o céu porque se fosse assim, ele seria o presidente daquela república! Tolerante, democrata, culto, galego e galeguista... Em fim, tinha-me contado que se o "desterraram" do Incio ele deixava de ser cura... Na foto, Moncho de Fidalgo e o seu fillo na Santa Lucía da Cervela |
Fotos do bautizo do fillo de Moncho, Brais: seu tío, sua irmá, Moncho e a muller Susana. Á dereita no Hospital con Moncho e Susana. |
Cando me atopei esta web dedicada ao Anxo “o noso crego” con todas as fotos da historia do Incio e, polo tanto, tamén da miña historia, as emocións agromáronme de inmediato pois sentinme trasladada á miña nenez e evoquei os sentimentos que daquela eu tiña e os que me fixeron ser a persoa que hoxe son.
|
Os coñecidos escritores lugueses Carme Blanco e Claudio Rodríquez Fer e asúa amiga Soledad Fox Maura visitaron o Hospital, e lembran que parolaron abondo con Anxo sobre a Nova York que os catro coñecían. Ao fondo os soutos de castiñeiros que rodean a igrexa.
|
Non tiven a oportunidade de compartir moitas experiencias con Anxo, tiñamos creo eu, unha amizade que nacía da coincidencia, do convencemento mutuo de que estabamos comprometidos coas mesmas cousas. Pódese dicir que non coincidimos nos espazos vitais onde se tecen irmandades que vencellan moitas veces por riba das ideas, pero eu sempre o considerei un exemplo de dignidade, solidariedade e bondade; e se tardabamos anos en vernos o noso encontro era unha confidencial conversa de entendidos e sobreentendidos coma se nos visemos todos os dias. Paco Castro Alvaredo (Paco de Novelín) |
A esquerda, almanaque editado no Incio coa foto dun Anxo moi novo e con sotana recén chegado ao Incio Á dereita, a Asociación Os Fanagueiros de Eirexalba organiza anualmente un concurso literario en galego no que participan nenos, e entregan premios. No 2009 xa van pola edición número 24 e a máis publican unha revista cos traballos dos cativos, fotos do pobo. É moi bonito. Esta foto é dos inicios do concurso (anos -80). Cortesía de Laura Celeiro |
Almanaque editado no Incio coa foto dun Anxo moi novo e con sotana recén chegado ao Incio |
Alba Paz Framil, escritora e pintora, despois de mirar a páxina web. Foi en verdade un crego que esperta a fe e toca o corazón coa súa bonhomía modesta e alegre, axeitadamente incorporado ó entorno. Sinto que forma parte do entorno. Anque se foi a súa lembranza perdura viva entre os feligreses e familiares e servirá de guía ós camiñantes extraviados na néboa do egoísmo e do consumo. (10-2-09) |
Aquí no bautizo do bisobriñio Miguel. Á dereita co sobriño Benigno e os seus amigos Domingos, Emilia, Beatriz e Xesús no 2002 (Fotos enviadas por María e Benigno) |
E rematamos este libro cunha ilustración e uns versos do lugar preferido do Cura do Incio. Son de Luís Maquieira, Versos del agua. 2011, ISBN 978-84-935925-8.5 Introdución de Ánxel Fole e Ánxeles Penas. Fermoso libro de poemas en castelán e algún en galego con ilustracións. O autor é da familia da Casa Grande do Hospital, dos Quiroga.
Nesta Carballesa bailada no Campo do Cárcere do Incio aparece o cura no final do vídeo (1987?):
ogalego@galicia.com |